ForTALEZAS DA FRONTEIRA

O PROXECTO

CONTEXTUALIZACIÓN - INTRODUCIÓN

O proxecto integra unha serie de traballos arqueolóxicos encamiñados á caracterización do sitio de As Torres, identificado en 2020 por Xurxo Salgado Tejido, xornalista, editor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e caracterizado pola arqueóloga, investigadora do Lab2PT e profesora da Universidade do Minho Rebeca Blanco-Rotea. Tras varios anos de investigacións identificouse nunha antiga explotación mineira romana -xa estudada por Brais Currás (2014)-, unha batería fortificada que, en torno a 1666, durante a Guerra da Restauración, aproveitaría o emprazamento elevado e outras estruturas anteriores, como as trincheiras da explotación mineira, punto de control e defensa do territorio nunha zona de paso entre as poboacións de Goián e Tui.

O sitio arqueolóxico atópase en terreos da comunidade de montes de Taborda e, ademais, na súa contorna hai agora unha importante plantación de viñedos. Precisamente un dos obxectivos deste proxecto é tamén avaliar a importancia e evolución que este tipo de sitios tiveron no tempo desde o punto de vista da transformación da paisaxe e, como consecuencia, tamén da xeración de novos recursos económicos.

Algunhas das actividades a realizar son unha escavación arqueolóxica na batería, unha prospección do seu entorno e unha limpieza do espazo, nas que participarán con diferentes graos de implicación, mozos e mozas voluntarios.

O proxecto ten como prioridade que os participantes poidan entender e gozar desta abraiante transformación do espazo e coñezan a importancia que as dinámicas transfronteirizas teñen nas comunidades locais. E, para iso, o campo de traballo pretende que os voluntarios aprendan nos e dos traballos arqueolóxicos, pero tamén na recolla de memoria oral, nas actividades de difusión patrimonial e nas charlas que se impartirán do gallo de entender e visibilizar toda esta dinámica económica, cultural e patrimonial tan rica na fronteira miñota.

OBXECTIVOS

A intervención oriéntase a responder a estas cuestións. Se ben, estaría inmersa nun campo de traballo promovido pola Comunidade de Montes de Taborda, propietaria dos terreos, coa axuda da Xunta de Galicia, de forma que a actividade contribúa para a educación patrimonial da mocidade sobre este episodio da nosa historia que foi fundamental na construción dos Estados da península Ibérica na Idade Moderna. O proxecto permitirá tamén comprender a materialidade que deixan as guerras.

Fronte ao maior coñecemento que temos das grandes fortificacións construídas na Guerra da Restauração na fronteira entre España e Portugal, na súa maioría realizadas en pedra con vontade de permanecer no tempo, e, especificamente na fronteira galego-portuguesa, aínda temos algunhas interrogantes sobre as construcións de campaña ou terreiras que se foron realizando a medida que a guerra avanzou, de forma rápida e con materiais térreos, en parte porque carecemos de planos que as recollan, tanto xerais como de detalle, e porque a súa fraxilidade levou aparellada unha maior destrución nos anos posteriores á guerra. Hoxe son estructuras de grande invisibilidade que debemos recuperar mediante as ferramentas de investigación axeitadas.

Este é un dos máis importantes cometidos do proxecto.

Acto de presentación en Tomiño
Acto de presentación en Tomiño

MÉTODO DE TRABALLO E ORGANIZACION DAS ACTIVIDADES

TRABALLOS ARQUEOLÓXICOS

Os traballos a realizar son de dous tipos, por una parte, arqueolóxicos, por outra, educativos e divulgativos.

No primeiro caso consistirán na contextualización da bateria de As Torres como parte dos diferentes sistemas defensivos identificados ao longo da raia (www.fortalezas.es; Blanco-Rotea, 2011, 2015, 2020). Concretamente, podería relacionarse ben co conxunto fortificado de Goián-Vila Nova de Cerveira-Medos ou ben co de Amorín-São Pedro Da Torre-Valença-Tui, como un elemento de proteción da vía de comunicación existente entre ambos conxuntos.

Programamos realizar traballos de tres tipos:

● Prospección arqueolóxica do entorno da posible batería

● Limpeza do espazo da batería

● Sondaxe arqueolóxica na posible troneira documentada no parapeito sur da batería

TRABALLOS EDUCATIVOS E DIVULGATIVOS

Como complemento das actividades arqueolóxicas, planifícase realizar unha serie de actividades encamiñadas a reforzar os coñecementos patrimoniais dos participantes no campo de traballo, que serán tamén participadas polos membros da equipa técnica do proxecto (especializados en arqueoloxía e comunicación) e terán que ver co obxecto do campo de traballo, o xacemento de As Torres e a súa relación cos subsistemas defensivos documentados na zona.

Tamén se proxecta a necesaria actividade divulgativa do proxecto desde unha perspectiva da arqueoloxía social, isto é, realizando unha intensa acción de comunicación das actividades, de divulgación do período histórico que se estuda e de implicación da comunidade local o foránea en coñecer, in situ, o traballo realizado, mediante roteiros e visitas guiadas.

Propóñense as seguintes actividades:

Recolla da toponimia e da oralidade relacionada co elemento a intervir entre a poboación local.

Visita ás fortificacións que compoñen o susbsistema Goián-Vila Nova de Cerveira-Medos e explicación do seu papel na Guerra da Restauración.

Visita ao Castelo de Santa Cruz (A Guarda) e revisión dos materiais expositivos albergados no mesmo e relacionados coa Guerra de Restauración (1640-1668).

Proxección e debate coa poboación local de diferentes audiovisuais relacionados co patrimonio da zona (O Castelo da froita, A Festa do Emigrante, A Guerra no Extremo…)

Realización de charlas e conferencias en centros sociais ou tabernas do concello para difundir a importancia que este tipo de proxectos teñen na comunidade local. Contarán coa presenza de arqueólogos, comunicadores, e divulgadores que falarán de distintos aspectos relacionados co sistema de fortificacións levantado no XVII en Tomiño, pero tamén no resto de Galicia e Portugal, sobre a importancia de conservar e divulgar o patrimonio ou sobre as relacións culturais e históricas entre os dous lados da fronteira.

Realización de roteiros culturais e visitas guiadas para coñecer o sistema de fortificacións da zona de Tomiño e da zona do Baixo Miño.