A intervención arqueolóxica das Torres apunta a que podería tratarse dun fortín estratéxico para conter unha invasión portuguesa
Esta intervención permitiu identificar o acceso, os foxos e a contramuralla dunha fortificación construída sobre antigas explotacións mineiras romanas
A campaña de escavación arqueolóxica que se está a desenvolver na fortaleza das Torres, no marco do campo de traballo de xuventude da Consellería de Xuventude da Xunta de Galicia, está a permitir coñecer novos detalles sobre este enclave defensivo do século XVII.
Segundo explicou a arqueóloga e historiadora Rebeca Blanco-Rotea, os primeiros traballos de limpeza e sondaxe permiten interpretar que o xacemento, inicialmente identificado como unha batería, puido tratarse en realidade dun fortín construído en terra e con revestimento parcial en pedra, e non un baluarte como se interpretou nun primeiro momento. Trataríase dun sistema defensivo estratéxico no control das rutas que unían A Guarda con Tui e Tui con Baiona que podería ter xogado un papel fundamental para conter unha posible invasión portuguesa cara estas vilas.
O acceso á fortificación consérvase de maneira clara, con restos dun parapeto defensivo, sobre o que se levantaría orixinariamente unha empalizada de madeira. Esta estrutura impedía a visibilidade do interior e servía de protección á entrada. Xunto a ela documentouse unha plataforma de acceso que conducía ao interior do recinto.
Un dos elementos máis destacados é a presenza dun sistema defensivo composto por dous foxos e unha contramuralla, que delimitaban o espazo principal. Os investigadores consideran que estes foxos aproveitaban antigas trincheiras de explotación mineira de ouro de época romana, adaptadas ás necesidades defensivas da Guerra da Restauração (século XVII).
A análise preliminar tamén indica que se empregaron materiais propios da contorna, como o granito local e cantos rodados procedentes das terrazas fluviais do Miño. Estes elementos formarían parte do parapeto e dalgunhas zonas revestidas da fortificación, o que confirma o carácter funcional e de rápida construción destas obras militares.
As escavacións continuarán nos vindeiros co obxectivo de documentar con máis detalle as técnicas construtivas e a organización interna da fortaleza, un dos principais escenarios do sistema defensivo da fronteira no Baixo Miño.
Queres comentar?