Illas fantasma, mapas de poder e un país que muda de rostro: Manuel Gago explora a metamorfose de Galicia nos mapas históricos

O xornalista e divulgador cultural percorreu a cartografía dende a época romana ata a Idade Moderna para explicar como Galicia pasou de ser un nodo atlántico central a converterse nun espazo periférico nas representacións europeas

Tomiño, 12 de setembro de 2025.– O Restaurante Florentiña acolleu na tarde de onte unha nova sesión do ciclo de BARferencias do proxecto Fortalezas da Fronteira, que nesta ocasión contou coa participación do xornalista e divulgador cultural Manuel Gago. Baixo o título ‘O rostro mutante: Galicia na cartografía medieval e moderna’, Gago ofreceu unha viaxe pola historia da representación de Galicia nos mapas, dende a Antigüidade ata a Idade Moderna.

Na súa intervención, o divulgador explicou como a imaxe de Galicia foi cambiando ao longo dos séculos, non só en función dos avances científicos e xeográficos de cada época, senón tamén dos intereses políticos, económicos e simbólicos dos cartógrafos e dos poderes que encargaban os mapas.

A charla comezou coa Tabula Peutingeriana, o mapa de estradas do Imperio Romano, e percorreu os mapas da Alta Idade Media, as representacións teolóxicas e simbólicas da Baixa Idade Media e os portulanos empregados polos navegantes do Atlántico. O relatorio rematou cos mapas da Idade Moderna e da Ilustración, que presentan Galicia xa como un territorio periférico e se utilizan como ferramentas de propaganda política e económica.

Noutro dos puntos da charla incidiuse em como na Idade Moderna se representaban illas inexistentes fronte á costa galega, froito de erros de observación ou de crenzas míticas. Tamén abordou o uso dos mapas como ferramentas de poder, tanto por parte de autoridades galegas para reforzar a súa identidade como por potencias exteriores que presentaban Galicia segundo os seus intereses estratéxicos ou económicos.

Segundo destacou Gago, en determinados períodos Galicia aparece nos mapas como un dos espazos máis preeminentes da Península Ibérica cristiá, mentres que noutros se proxecta como un “punto final” das infraestruturas, fronte a outras etapas nas que se representa como un nodo atlántico de intercambio.

Fortalezas da fronteira

A actividade enmárcase no proxecto de escavación arqueolóxica do fortín das Torres, que se desenvolve en Tomiño no marco do campo de traballo de xuventude da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

O proxecto Fortalezas da Fronteira, dirixido por Rebeca Blanco-Rotea e polo xornalista e profesor da USC Xurxo Salgado, conta coa colaboración do Grupo de Novos Medios da Facultade de Comunicación da USC, o Lab2PT da Universidade do Minho, a Comunidade de Montes de Taborda —propietaria dos térreos—, a Dirección Xeral de Xuventude e a Dirección Xeral de Patrimonio. O obxectivo é achegar o patrimonio e a arqueoloxía á cidadanía, implicar á sociedade civil na súa protección e poñer en valor o rico legado histórico da fronteira do Miño.

Queres comentar?

-