O xacemento de As Torres revela unha historia máis antiga e complexa do esperado na fronteira do Miño
O xacemento de As Torres, na parroquia de San Miguel de Taborda (Tomiño), resultou ser moito máis que unha batería militar vinculada á Guerra da Restauração portuguesa. A intervención arqueolóxica realizada no verán de 2025 permitiu documentar un complexo defensivo de longa duración, no que se superpoñen unha explotación mineira romana, unha estrutura fortificada baixomedieval e unha reocupación militar na Idade Moderna.
Os traballos desenvolvéronse no marco do proxecto Fortalezas da Fronteira, que estuda o sistema defensivo histórico da raia do Miño, e tiñan como obxectivo caracterizar unha entidade fortificada identificada en 2023. Ata o de agora, a principal hipótese apuntaba a que As Torres fose unha batería levantada polo exército castelán en 1666, destinada a controlar o paso desde Goián cara ao Val do Rosal e Tui, nun dos momentos finais da Guerra da Restauração (1640–1668).
Porén, os resultados da escavación obrigaron a reformular esa interpretación inicial. tal e como explicaron este sábado os coordinadores deste proxecto, a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea e o xornalista Xurxo Salgado, nunha charla ante a veciñanza e comuneiros de Taborda. “Partíamos da hipótese de que se trata dunha batería asociada ás posicións adoptadas na zona polo exército castelán en 1666, controlando a vía de paso cara ao Val do Rosal pola ponte medieval e cara a Tui. Mas hoxe sabemos que a elevación contén unha estrutura anterior identificada como unha posible atalaia ou torre baixomedieval, o que se vincula co propio topónimo do lugar”, apuntou Rebeca Blanco-Rotea, a directora arqueolóxica do proxecto. Blanco-Rotea
Cerámicas medievais e indicios dunha ocupación anterior
O material arqueolóxico recuperado está composto maioritariamente por cerámica da Baixa Idade Media, que aparece reempregada como material construtivo nas estruturas conservadas. Este feito confirma a existencia dunha fase de ocupación anterior, sobre a que se asentaron as construcións posteriores. Xunto a este conxunto documentáronse tamén elementos metálicos, algúns deles compatibles cunha intervención de carácter militar, o que encaixa coa reutilización do lugar en época moderna.
Rebeca Blanco-Rotea destacou que a análise conxunta das estruturas e dos materiais permitiu identificar na elevación principal os restos dunha posible atalaia ou torre baixomedieval, unha interpretación que encaixa, ademais, co topónimo “As Torres”, conservado pola tradición local.
Un complexo defensivo e non unha estrutura illada
Outro dos achados clave da intervención foi a identificación dunha segunda elevación próxima, na que se conserva un recinto con parapeto, claramente relacionado co primeiro. Este dato permite afirmar que As Torres non funcionou como unha fortificación illada, senón como parte dun complexo defensivo articulado, adaptado e reutilizado ao longo do tempo.
O conxunto aséntase sobre unha antiga mina romana, reaproveitada posteriormente como emprazamento estratéxico na Baixa Idade Media e, máis tarde, integrada no dispositivo defensivo da fronteira durante a Idade Moderna.
O que vén agora: novas escavacións e investigación histórica
Tanto Xurxo Salgado coma Rebeca Blanco-Rotea anunciaron que traballan en deseñar xa futuras campañas arqueolóxicas que se centrarían en definir con maior precisión as características da fortaleza baixomedieval, comprender a organización do complexo defensivo no seu conxunto e avanzar na procura de documentación histórica que permita situar As Torres en dous momentos clave: a Baixa Idade Media e a fase final da Guerra da Restauração.
Un dos obxectivos principais será determinar o papel estratéxico que puido xogar Taborda, e o que hoxe conforma o concello de Tomiño, nos últimos anos do conflito entre as coroas española e portuguesa, nun tramo da fronteira que foi escenario de importantes movementos militares.
Fortalezas da Fronteira
A intervención en As Torres enmárcase no proxecto Fortalezas da Fronteira, unha iniciativa de investigación centrada no estudo das fortificacións da raia do Miño e na análise da súa evolución ao longo do tempo. Os traballos do verán de 2025 foron financiados pola Xunta de Galicia, coa colaboración da Comunidade de Montes de Taborda, e executados pola Unidade de Arqueoloxía e o Lab2PT da Universidade do Minho, en colaboración co grupo Novos Médios da Universidade de Santiago de Compostela. A intervención contou tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude a través da participación de voluntarios dun campo de traballo.
A intervención demostrou que a realidade é máis complexa do que suxiren as primeiras hipóteses. As Torres, lonxe de ser un episodio illado do século XVII, preséntase agora como un enclave clave para comprender a longa historia defensiva da fronteira do Miño.
Queres comentar?