O cinto defensivo de Monção-Salvaterra do Miño nas guerras do XVII, un descubrimento pendente de investigación

A arqueóloga explicou como a arqueoloxía permite reconstruír as paisaxes defensivas da Guerra da Restauración e presentou novos descubrimentos en Salvaterra do Miño

Tomiño, mércores 10 de setembro de 2025.– O ciclo de charlas abertas á cidadanía do proxecto Fortalezas da Fronteira arrincou onte no Espazo Fortaleza de Goián cunha conferencia da arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Lab2PT da Universidade do Minho.

Na súa intervención, Blanco-Rotea contextualizou o proxecto dende o punto de vista histórico e da transformación da paisaxe durante a Guerra da Restauración (1640–1668). Explicou como a arqueoloxía traballa coa materialidade das guerras e amosou tres estudos de caso: o conxunto defensivo de Goián–Vilanova de Cerveira, as fortificacións desaparecidas de Campos —hoxe destruídas por un polígono industrial— e o cinto defensivo de Monção, levantado en 1658 polo exército galego durante a recuperación de Salvaterra do Miño. Este último, segundo destacou, constitúe un descubrimento inédito aínda pendente de publicación.

A charla serviu tamén para presentar ao público o proxecto arqueolóxico en San Miguel de Taborda, que estes días desenvolve o seu campo de traballo con voluntariado xuvenil, e no que se explicou a importancia da combinación de diferentes fontes históricas para reconstruír as paisaxes fortificadas da fronteira.

Próxima cita: Manuel Gago

O ciclo continuará o xoves 11 de setembro, ás 19:30 horas, no Bar-Restaurante Florentiña de Pinzás, coa intervención do xornalista e divulgador cultural Manuel Gago, titulada “O rostro mutante: Galicia na cartografía medieval e moderna”.

A programación completa pode consultarse en www.fortalezas.com e nas redes sociais do proxecto.

Queres comentar?

-