Máis de 60 persoas coñeceron o proxecto Fortalezas da Fronteira nun roteiro pola historia de Tomiño
Un percorrido histórico dende a época romana ata hoxe para dar a coñecer a fortaleza das Torres e o patrimonio de Tomiño
Máis de sesenta persoas participaron este pasado sábado nun roteiro histórico-cultural polas aldeas de Tomiño organizado no marco do proxecto Rutas de Historia e guiado por Xurxo Salgado, xornalista e divulgador e veciño da localidade. O obxectivo foi dar a coñecer o traballo de Fortalezas da Fronteira, un proxecto de investigación, escavación e divulgación que estuda a paisaxe fortificada transfronteiriza do Baixo Miño e a súa evolución histórica desde o século XVII ata hoxe.
O percorrido levou aos participantes nunha viaxe ao longo da historia do concello, remontándose á época castrexa e romana e chegando ata a época contemporánea. A primeira parada tivo lugar no centro da vila, onde se explicaron as estruturas construídas durante o franquismo, como o mercado municipal, a casa da cultura —antigo cinema— e as vivendas promovidas polo réxime franquista.
Dende alí, o grupo adentrouse na historia máis antiga de Tomiño para coñecer as minas romanas de Taborda, nas que se sitúa a fortaleza das Torres, actualmente en proceso de escavación arqueolóxica. O roteiro serviu para explicar como este enclave defensivo, tradicionalmente identificado como unha batería, puido ser en realidade un fortín construído en terra con revestimento parcial en pedra, clave no control das comunicacións entre A Guarda e Tui e Tui e Baiona durante a Guerra da Restauración.
A xornada incluíu tamén unha visita á ponte medieval do Hospital e aos restos do antigo hospital de peregrinos, situados neste barrio tomiñés. O percorrido continuou por outras zonas do concello para dar a coñecer a súa riqueza relixiosa, con paradas diante de cruceiros e petos de ánimas que testemuñan a profunda espiritualidade da comunidade ao longo dos séculos.
A natureza tamén foi protagonista da actividade, cunha parada no río e lago da Pedra, onde os participantes puideron coñecer relatos de memoria oral, como a lenda do Tardo, un trasno que, segundo contan os veciños, saía nas noites de néboa e se transformaba en cabalo para atemorizar a quen pasaba polo lugar.
Parte dos asistentes decidiron prolongar a experiencia participando nas actividades complementarias do proxecto Fortalezas da Fronteira, como foron unha visita á Fortaleza de Amorín e unha BARferencia do arqueólogo Carlos Tejerizo.
Rutas de Historia
Os roteiros de Rutas de Historia queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia e dos concellos que a conforman. Tamén para crear conciencia entre a veciñanza de que a historia e o patrimonio poden ser un valor engadido para a dinamización da economía local.
O proxecto Rutas de Historia naceu en 2017 da man do xornalista e profesor da USC, Xurxo Salgado, co obxectivo de poñer en valor a nosa historia. Desde entón e ata hoxe se teñen realizado máis de 60 roteiros. Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal historiadegalicia.gal, colaboraron representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Colectivo Capitán Gosende, colectivo A Rula, a Asociación Cultural Roxín Roxal ou a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo. Tamén participaron arqueólogos como Xurxo Ayán ou Antón Malde e destacados divulgadores culturais e escritores de novela histórica como Anxo Angueira, Manuel Gago, Marcos Calveiro, Eva Mejuto ou Carmen Varela, entre outros.
Fortalezas da fronteira
Esta visita xira arredor do programa de actividades do proxecto Fortalezas da Fronteira, unha iniciativa que combina investigación arqueolóxica, divulgación e participación xuvenil para recuperar a memoria das antigas defensas do Baixo Miño.
No marco deste proxecto estase a escavar o fortín das Torres, unha pequena fortificación do século XVII construída para controlar as comunicacións entre A Guarda, Tui e Portugal durante a Guerra da Restauração. O campo de traballo, promovido pola Consellería de Xuventude da Xunta de Galicia, reúne a mozos e mozas que colaboran nas tarefas de limpeza e prospección, ao tempo que participan nun programa de visitas, charlas e obradoiros arredor do patrimonio cultural e natural da comarca.
Queres comentar?