Cinema e patrimonio: Fortalezas da Fronteira amosa como integrar á comunidade local nos proxectos arqueolóxicos
Rebeca Blanco-Rotea guiou un debate co público tras a proxección de A Festa do Emigrante e Arqueoloxía do Conflito, da directora Sara Traba
Tomiño, luns 15 de setembro de 2025.– A Casa Sebastián, en Taborda (Tomiño), foi escenario onte dunha nova BARferencia do proxecto Fortalezas da Fronteira, nesta ocasión en formato cinema. O encontro consistiu na proxección de dous mini documentais da directora Sara Traba —A Festa do Emigrante (2021) e Arqueoloxía do Conflito (2018)— acompañados dun coloquio conducido pola arqueóloga e historiadora Rebeca Blanco-Rotea.
Segundo explicou Blanco-Rotea, esta sesión buscou abrir un espazo de reflexión sobre o papel das comunidades locais no traballo arqueolóxico e sobre como abordar o estudo dos conflitos armados desde unha perspectiva histórica e social. “Estes documentais están moi relacionados co que facemos no proxecto, porque amosan como a arqueoloxía pode ir máis alá da escavación e implicar directamente á xente, facendo que a comunidade sexa parte activa da recuperación da súa historia”, sinalou.
A Festa do Emigrante (2021), dirixido por Sara Traba baixo a dirección científica de Rebeca Blanco-Rotea, foi realizado no marco do proxecto Landscape and Change Architectures (LARCH) e conta coa colaboración da Junta da Freguesia de Portela-Extremo, a Câmara de Arcos de Valdevez e a Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho. O documental, gravado en Extremo (Arcos de Valdevez), reivindica este lugar como patrimonio cultural ligado á materialidade dunha guerra esencial para a construción da identidade portuguesa. A través de entrevistas a veciños e arqueólogos, aborda a memoria colectiva e a relación da comunidade co seu territorio.
Pola súa banda, Arqueoloxía do Conflito (2018) é unha curta de case nove minutos que propón mirar máis aló da arqueoloxía tradicional e reflexiona sobre a materialidade dos conflitos. Nel interveñen membros do grupo de investigación Síncrisis —Rebeca Blanco-Rotea, José Costa García e Erik Carlsson-Brandt— xunto ás arqueólogas Nieves Amado Roldán e Joao Fonte. A comunicación correu a cargo de Manuel Gago e os subtítulos de Jon Brokenbrow.
O proxecto
Esta BARferencia forma parte do programa de actividades de divulgación do proxecto Fortalezas da Fronteira, que combina escavación arqueolóxica, encontros divulgativos e iniciativas participativas para recuperar a memoria das fortificacións do Baixo Miño e poñelas en valor para a sociedade.
No marco deste proxecto estase a escavar o fortín das Torres, unha pequena fortificación do século XVII construída para controlar as comunicacións entre A Guarda, Tui e Portugal durante a Guerra da Restauração. O campo de traballo, promovido pola Consellería de Xuventude da Xunta de Galicia, reúne a mozos e mozas que colaboran nas tarefas de limpeza e prospección, ao tempo que participan nun programa de visitas, charlas e obradoiros arredor do patrimonio cultural e natural da comarca.
Queres comentar?