Turonia achega a un cento de escolares ao patrimonio arqueolóxico de As Torres, en Tomiño
O proxecto docente e arqueolóxico Turonia desenvolveu unha intensa campaña pedagóxica e de posta en valor do patrimonio que incluíu itinerarios formativos por diferentes puntos estratéxicos do concello de Tomiño. Un dos fitos centrais desta xeira foi a visita dun cento de estudantes e o estudo práctico na escavación arqueolóxica de As Torres, na parroquia de San Miguel de Taborda, un enclave clave onde as recentes pescudas desenterraron unha batería fortificada da Guerra da Restauración portuguesa que, segundo constataron os investigadores, se asenta sobre estruturas defensivas reaproveitadas dende a época romana e medieval. Alí, a arqueóloga Rebeca Blanco explicoulles a importancia de todo o complexo patrimonial. É a primeira gran visita do ano a un xacemento que este ano promete moitas novidades.
O proxecto docente e arqueolóxico de As Torres articúlase como un campus e campo de voluntariado internacional transfronteirizo, deseñado especificamente para conectar a mocidade universitaria coa investigación científica e a divulgación social. O proxecto esténdese á comunidade cunha forte implicación de veciños e voluntarios locais que participan activamente nas xornadas de divulgación, nas visitas guiadas e na recollida da toponimia da zona. Está liderado por investigadores e docentes da Universidade do Minho, en Portugal, e do Departamento de Novos Medios da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, que ensinan aos alumnos a comunicar a ciencia ao público.
O Proxecto Turonia Escolar é unha das iniciativas educativas e de convivencia máis consolidadas do concello, con máis de 25 edicións ás súas costas. O proxecto mobiliza cada ano entre 100 e 120 alumnos e alumnas. Está dirixido especificamente aos escolares de 6º curso de Primaria, e serve como unha viaxe de convivencia e despedida antes de que dean o salto ao instituto. Participan conxuntamente os cinco colexios públicos de Tomiño: o CEIP Plurilingüe de Barrantes, o CEP Plurilingüe Pedro Caselles, o CEIP de Sobrada, o CEIP de Tebra e o CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián.
Queres comentar?