Fortalezas da fronteira reivindica o “orgullo de conservar o noso” nunha mesa redonda con entidades patrimoniais do Baixo Miño
A mesa redonda reuniu este martes a Fernando Abreu, Asociación Cultural Ponte… Nas Ondas!; Alfonso Lorenzo Vila, Proxecto Educativo Turonia CEPL PEdro Caselles Beltrán, e Xaquín Cadilla Castro, da Asociación Cultural de embarcacións tradicionais Piueiro da Guarda
O proxecto Fortalezas da Fronteira celebrou este martes no Espazo Fortaleza, en Goián, a mesa redonda “Educación patrimonial, memoria e ocio: como coidar do noso?”, un encontro no que diferentes profesionais e divulgadores reflexionaron sobre o papel da educación, da comunidade e da participación cidadá na conservación e transmisión do patrimonio.
A sesión reuniu a Alfonso Lorenzo Vila, mestre e impulsor do proxecto Turonia; Fernando Abreu, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas, e Xaquín Cadilla Castro, integrante do proxecto Piueiro.
Durante a súa intervención, Fernando Abreu presentou o traballo desenvolvido por Ponte… nas Ondas, asociación que leva máis de tres décadas promovendo a recuperación e transmisión do patrimonio cultural inmaterial compartido entre Galicia e Portugal.
Abreu lembrou que o proxecto naceu coincidindo coa inauguración da ponte internacional entre Salvaterra e Monção como unha experiencia radiofónica entre centros escolares das dúas beiras da fronteira e que, co paso dos anos, evolucionou ata converterse nun referente internacional.
Na actualidade, Ponte… nas Ondas está recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. A asociación promove actividades educativas en centros de primaria, secundaria e universidades de Galicia e Portugal, implicando profesorado de ámbitos tan diversos como a música, a bioloxía, a lingua ou a historia. “O patrimonio pode traballarse desde moitas disciplinas diferentes e esa diversidade é precisamente unha das nosas fortalezas”, explicou.
Pola súa banda, Alfonso Lorenzo explicou a experiencia de Turonia, unha iniciativa educativa que leva máis de vinte anos desenvolvéndose en Tomiño e que reúne cada curso ao alumnado dos cinco centros de Educación Primaria do municipio arredor de actividades no medio natural.
Segundo destacou, a proposta naceu como unha actividade complementaria ao traballo realizado nas aulas e converteuse xa nun referente para varias xeracións de escolares. “É unha actividade que está completamente instalada en Tomiño. Todo o mundo a coñece e pensamos que vai seguir tendo moito futuro porque cada ano a comunidade educativa agárdaa con ilusión”, sinalou.
A terceira intervención correu a cargo de Xaquín Cadilla Castro, quen deu a coñecer o proxecto Piueiro, unha iniciativa comunitaria centrada na recuperación e divulgación da cultura mariñeira.
Cadilla destacou que o obxectivo principal é implicar á sociedade na conservación deste patrimonio para transmitilo ás futuras xeracións. “O que buscamos é sentirnos orgullosos do que somos, da nosa cultura e do lugar no que vivimos. Se non nos respectamos a nós mesmos e ao noso patrimonio, acabaremos perdéndoo”, afirmou.
Segundo explicou, Piueiro integra diferentes ámbitos de traballo como a educación, a etnografía, o léxico ou a literatura, sempre coa intención de construír unha comunidade arredor da cultura marítima e fortalecer o sentimento de pertenza ao territorio.
A actividade forma parte da programación aberta de Fortalezas da Fronteira, proxecto que estes días combina investigación arqueolóxica, divulgación, formación e voluntariado arredor do xacemento das Torres, en San Miguel de Taborda.
A iniciativa desenvólvese no marco dun campo de voluntariado internacional da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, no que participan mozos e mozas procedentes de Galicia, doutros puntos de España, Italia, México e Colombia. Ademais, o proxecto está impulsado pola Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e polo Departamento de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, no que participan alumnado en prácticas de ambas universidades. Fortalezas da fronteira combina investigación arqueolóxica, formación, voluntariado, educación e divulgación para avanzar no coñecemento do patrimonio defensivo da raia galego-portuguesa e achegar á cidadanía a historia das Torres e do territorio no que se insire.
Queres comentar?