A campaña arqueolóxica das Torres descobre uns estribos de cabalo que achegan novas claves sobre a ocupación medieval do xacemento
As pezas apareceron durante a intervención arqueolóxica sobre un pavimento asociado a materiais dos séculos XIII e XIV e reforzan a hipótese de que o recinto medieval foi reutilizado durante a Guerra da Restauração
A campaña arqueolóxica que o proxecto Fortalezas da Fronteira desenvolve no xacemento das Torres, en San Miguel de Taborda (Tomiño), vén de documentar un dos achados máis relevantes desta edición: varios elementos metálicos de carácter militar, entre os que destacan uns estribos de cabalo, localizados nun contexto arqueolóxico que permitirá avanzar na cronoloxía e evolución deste complexo defensivo.
Segundo explicou a arqueóloga e directora científica do proxecto, Rebeca Blanco-Rotea, este ano incorporouse á campaña unha nova metodoloxía baseada na arqueoloxía do conflito, coa colaboración do especialista Gorka Martín, investigador da Universidade do País Vasco.
“O primeiro foi explicar que non se debe facer cun detector de metais e como o seu mal uso afecta aos xacementos arqueolóxicos. Despois realizamos unha actividade formativa para que os participantes coñecesen como se utiliza correctamente esta ferramenta e, a partir desa prospección, planificamos a intervención arqueolóxica”, explicou.
Foi precisamente nunha das zonas sinaladas por esa prospección onde apareceron os novos materiais metálicos. Entre eles destacan uns estribos de cabalo, atopados sobre un pavimento perfectamente conservado. Segundo Blanco-Rotea, a súa posición e estado de conservación permiten formular novas hipóteses sobre a evolución do xacemento.
“Os estribos apareceron xuntos e rotos, polo que pensamos que foron desbotados e reutilizados, igual que outros materiais construtivos, como parte da preparación dun novo pavimento”, indicou.
O contexto no que apareceron resulta especialmente relevante. O pavimento documentado presenta unha primeira base de seixos e arxila, sobre a que se dispón unha capa compactada de arxila amarelenta. Sobre ela aparece unha segunda pavimentación, elaborada con abundante tella machucada e sometido a un proceso de queima para endurecer a superficie.
Segundo a directora científica do proxecto, este tipo de pavimentos permitían crear superficies especialmente resistentes para soportar o tránsito de materiais pesados asociados á actividade militar, especialmente á artillaría.
As primeiras evidencias apuntan a que este contexto podería corresponder á Baixa Idade Media. Xunto aos estribos apareceron abundantes fragmentos cerámicos que, de maneira preliminar, se datan entre os séculos XIII e XIV, coincidindo coa cronoloxía dos materiais documentados durante a campaña de 2025. “De momento todos os materiais cerámicos que estamos recuperando nesta zona pertencen aos séculos XIII e XIV. Agora toca limpalos e estudalos con detalle, pero os contextos son moi similares aos que xa coñecemos doutros castelos medievais”, explicou Blanco-Rotea.
DATACIÓNS ABSOLUTAS PARA RECONSTRUÍR A HISTORIA DO XACEMENTO
Co obxectivo de confirmar estas hipóteses, o equipo está a desenvolver un amplo programa de recollida de mostras para a datación absoluta. Para iso recolléronse mostras da argamasa do primeiro pavimento, que serán analizadas mediante luminescencia opticamente estimulada (OSL) polo investigador Jorge Sanjurjo-Sánchez, da Universidade da Coruña. Tamén se analizarán a capa superior rubefactada —que permitirá datar o momento da queima do pavimento— e numerosos carbóns recuperados durante a escavación.
Estas análises permitirán determinar cando se construíu cada un dos pavimentos, se ambos pertencen ao mesmo momento cronolóxico e en que momento se produciu o incendio que endureceu a superficie.
UN XACEMENTO CADA VEZ MÁIS COMPLEXO
Os novos achados reforzan a idea de que As Torres foi un espazo ocupado e transformado durante varios séculos. Segundo explicou Blanco-Rotea, cada campaña confirma con maior claridade que a fortificación da Guerra da Restauración reutilizou un asentamento medieval previo, aínda pendente de delimitar completamente.
A arqueóloga sinalou que os traballos realizados estes días tamén permitiron identificar novas estruturas construtivas elaboradas con argamasa, pedra, tella e cerámica medieval, así como unha posible plataforma de tiro, unha contramuralla e outros elementos propios da arquitectura militar da Idade Moderna.
A hipótese coa que traballa actualmente o equipo é que parte das estruturas medievais foron desmontadas para reaproveitar os seus materiais durante a construción das defensas do século XVII.
A campaña arqueolóxica forma parte do proxecto Fortalezas da Fronteira, desenvolvido no marco do campo de voluntariado internacional da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, no que participan mozos e mozas procedentes de Galicia, doutros puntos de España, Italia, México e Colombia.
O proxecto está impulsado pola Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e polo Departamento de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, combinando investigación arqueolóxica, formación, educación patrimonial, voluntariado e divulgación para seguir descubrindo a historia de As Torres e da fronteira galego-portuguesa.
Queres comentar?