“A guerra que nos separou e agora nos une”: Comeza en Tomiño o campo de voluntariado arqueolóxico ‘Fortalezas da Fronteira’ no xacemento das Torres

“A guerra que nos separou e agora nos une”: Comeza en Tomiño o campo de voluntariado arqueolóxico ‘Fortalezas da Fronteira’ no xacemento das Torres

Arqueólogos, comunicadores, mozos voluntarios e a Comunidade de Montes de Taborda colaboran na intervención dunha batería militar, fundamental na Guerra do século XVII entre os exércitos galego e portugués

Tomiño, martes 9 de setembro de 2025.– As actividades do campo de traballo e de intervención no xacemento arqueolóxico das Torres, en Taborda (Tomiño), deron comezo hoxe cunha charla da arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, doutora en Arqueoloxía pola Universidade do País Vasco e investigadora do Lab2PT da Universidade do Minho. Na súa intervención explicou a historia que rodea ao enclave, unha antiga explotación mineira romana reutilizada como batería militar durante a Guerra da Restauración (século XVII), que tivo um papel fundamental no control do espazo fronteirizo do Baixo Miño.

A sesión tivo lugar despois do almorzo dos mozos e mozas participantes no albergue Corazón de Carballo, que forman parte do Campo de Voluntariado da Xunta de Galicia. Ao longo dos vindeiros días realizarán diferentes tarefas neste campo arqueolóxico, así como recollida de memoria oral e actividades de difusión patrimonial, sempre baixo a supervisión dun equipo de profesionais.

O proxecto Fortalezas da Fronteira, dirixido por Rebeca Blanco-Rotea e polo xornalista e profesor da USC Xurxo Salgado, conta coa colaboración do Grupo de Novos Medios da Facultade de Comunicación da USC, o Lab2PT da Universidade do Minho, a Comunidade de Montes de Taborda —propietaria dos térreos—, a Dirección Xeral de Xuventude e a Dirección Xeral de Patrimonio. O obxectivo é achegar o patrimonio e a arqueoloxía á cidadanía, implicar á sociedade civil na súa protección e poñer en valor o rico legado histórico da fronteira do Miño.

Presentación

Este luns tivo lugar a presentación pública do proxecto nunha rolda de prensa en Tomiño, onde os responsables destacaron a importancia de combinar a investigación científica coa participación cidadá e a divulgación cultural.

A arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea salientou que “non só é importante intervir no patrimonio, senón tamén aprender a comunicar. Esa é unha das vantaxes deste campo de traballo: traballar conxuntamente un equipo de arqueoloxía e un equipo de comunicación, construíndo e contando o relato do que vai aparecendo”. Engadiu ademais que o proxecto ten un valor engadido porque une institucións e comunidades de ambos lados da raia: “O que nos separou, agora nos une: a Universidade do Minho e a Universidade de Santiago interveñen conxuntamente, co apoio da Comunidade de Montes de Taborda e do Concello de Tomiño, facendo fronteira doutra maneira”.

Pola súa banda, o director xeral de Patrimonio, Ángel Miramontes, subliñou o carácter innovador da iniciativa: “Aínda que non sexa un proxecto grande en termos cuantitativos, si é moi significativo, porque conflúen tres piares: arqueoloxía, educación e divulgación. É unha experiencia piloto que pode servir de modelo para outros territorios de Galicia”. Tamén destacou que a participación conxunta de arqueólogos e comunicadores “garantirá que o gran traballo realizado sexa percibido pola sociedade e que se valore a súa importancia”.

directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo en valor o compromiso do voluntariado xuvenil e o impacto social da iniciativa: “Este campo de voluntariado é especial, non só porque se desenvolve en Tomiño, senón polo traballo e a ilusión que ten detrás. Implica moito máis que unha actividade puntual: é un proxecto real que dá valor ao noso patrimonio”. Meneses lembrou que forma parte da campaña de verán da Xunta, que este ano ofreceu máis de 1.600 prazas, e incidiu en que este tipo de accións tamén contribúen a dinamizar a economía local: “Estes días Tomiño vaise encher de xente, beneficiando ao comercio, á hostalaría e mesmo á Granja Escola Corazón de Carballo, onde se aloxan os rapaces e rapazas participantes”.

Toda a información e as novidades sobre o campo poden seguirse na web oficial do proxecto fortalezasdafronteira.com e nas súas redes sociais (@fortalezasdafronteira), onde se difundirán posts, vídeos e entrevistas coas persoas participantes.

Queres comentar?

-