O Baixo Miño ante o reto ambiental: Manuel Ángel Pombal fala en Tomiño sobre a necesidade de conservar os ecosistemas e especies ameazadas

O biólogo e membro de ANABAM repasou os humidais da Valga e Pinzás e puxo exemplos de especies en risco cuxa presenza está a diminuír na comarca

La de Maika – Centro Tomiñés acolleu onte unha nova charla do ciclo de BARferencias do proxecto Fortalezas da Fronteira. Nesta ocasión, o doutor en Bioloxía e membro da Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM), Manuel Ángel Pombal “Peque”, falou sobre ‘Ecosistemas e especies ameazadas do Baixo Miño’.

Na súa intervención, Pombal destacou a riqueza natural do Baixo Miño, un enclave privilexiado no suroeste galego que alberga unha gran diversidade de hábitats, entre eles humidais como os da Valga ou Pinzás. O biólogo explicou como estes espazos son fundamentais para a conservación da biodiversidade e serven de refuxio a numerosas especies de flora e fauna.

A charla tamén serviu para analizar as principais ameazas que sofren estes ecosistemas, dende a perda de hábitat ata a presión humana, e para presentar exemplos concretos de especies que están en perigo ou cuxa presenza está en retroceso na zona. Pombal insistiu na importancia de traballar pola súa conservación para manter o equilibrio ecolóxico e garantir que poidan seguir presentes no futuro.

O proxecto

Esta charla forma parte do programa de actividades do proxecto Fortalezas da Fronteira, unha iniciativa que combina investigación arqueolóxica, divulgación e participación xuvenil para recuperar a memoria das antigas defensas do Baixo Miño. No marco deste proxecto estase a escavar o fortín das Torres, unha pequena fortificación do século XVII construída para controlar as comunicacións entre A Guarda, Tui e Portugal durante a Guerra da Restauração. O campo de traballo, promovido pola Consellería de Xuventude da Xunta de Galicia, reúne a mozos e mozas que colaboran nas tarefas de limpeza e prospección, ao tempo que participan nun programa de visitas, charlas e obradoiros arredor do patrimonio cultural e natural da comarca.

Queres comentar?

-