O campesiñado galego, os incendios forestais e os cambios sociais no rural: Carlos Tejerizo reflexiona sobre os lumes nunha charla en Tomiño

O arqueólogo destacou que os incendios forestais recentes están ligados ás transformacións estruturais do rural galego e á perda das prácticas tradicionais de xestión do monte

O arqueólogo e investigador Carlos Tejerizo, impulsor do proxecto Sputnik Labrego, foi o protagonista da BARferencia celebrada onte na Taberna Val de Tebra, enmarcada no proxecto de escavación arqueolóxica das Torres – Tomiño.

Na súa intervención, titulada “De campesiñado, guerrilleiros e lumes: unha aproximación arqueolóxica ao rural galego”, Tejerizo explicou como a arqueoloxía pode axudar a entender os procesos históricos que levaron ás sociedades labregas a experimentar profundas mudanzas nas últimas décadas. Destacou que fenómenos recentes como os incendios forestais que arrasaron Galicia nas últimas semanas non son feitos illados, senón que se inscriben nunha transformación estrutural do territorio e da relación entre as comunidades rurais e o seu medio.

O arqueólogo convidou a reflexionar sobre o impacto do despoboamento, os cambios no uso do solo e a perda de prácticas tradicionais de xestión do monte, factores que explican a vulnerabilidade actual do rural galego fronte ao lume.

O proxecto

Esta charla forma parte do programa de actividades do proxecto Fortalezas da Fronteira, unha iniciativa que combina investigación arqueolóxica, divulgación e participación xuvenil para recuperar a memoria das antigas defensas do Baixo Miño.

No marco deste proxecto estase a escavar o fortín das Torres, unha pequena fortificación do século XVII construída para controlar as comunicacións entre A Guarda, Tui e Portugal durante a Guerra da Restauração. O campo de traballo, promovido pola Consellería de Xuventude da Xunta de Galicia, reúne a mozos e mozas que colaboran nas tarefas de limpeza e prospección, ao tempo que participan nun programa de visitas, charlas e obradoiros arredor do patrimonio cultural e natural da comarca.

Queres comentar?

-