O gran sistema fortificado de Tui e Valença, protagonista dun roteiro e dunha BARferencia de Fortalezas da Fronteira

  • A programación inclúe este venres unha charla no Al Dente, no Mercado de San Antonio en Tui, e unha visita guiada o sábado aos sistemas fortificados da antiga capital galega e de Valença o día 12 de xullo
  • A actividade correrá a cargo da arqueóloga e profesora da Universidade do Minho Rebeca Blanco-Rotea e do arquitecto Tiago Rodrigues, coa presenz dos alcaldes de Tui e Valença

O proxecto Fortalezas da Fronteira continúa esta semana coa súa programación aberta á cidadanía cunha dobre proposta en Tui arredor da paisaxe fortificada da raia. A iniciativa combinará unha nova sesión do ciclo de BARferencias, este venres 10 de xullo, e un roteiro polos sistemas fortificados de Tui, previsto para o día 12 de xullo.

A primeira das actividades terá lugar este venres 10 de xullo ás 20:30 horas no Al Dente, no Mercado de San Antonio de Tui, dentro do ciclo de BARferencias de Fortalezas da Fronteira. A sesión contará coa participación de Rebeca Blanco-Rotea, arqueóloga e investigadora no Lab2PT da Universidade do Minho, e de Tiago Rodrigues, arquitecto da Universidade da Beira Interior.

Blanco-Rotea impartirá a charla “Descubrindo a paisaxe fortificada da fronteira: unha mirada sobre Tui”, na que abordará a importancia deste territorio no contexto dos sistemas defensivos da raia galego-portuguesa. Pola súa banda, Tiago Rodrigues ofrecerá a intervención “Fisionomías da Paisagem Fortificada: (des)mistificar e (des)montar o território no vale do rio Minho”, centrada na lectura e interpretación da paisaxe fortificada do val do Miño.

A programación completarase co roteiro “Visita aos sistemas fortificados de Tui”, que terá lugar o 12 de xullo ás 10.00 horas, con saída desde o Palco da Música, no Paseo da Corredoira de Tui. A visita estará guiada por Rebeca Blanco-Rotea e permitirá coñecer sobre o terreo parte do sistema defensivo de Tui e o seu papel histórico nun espazo marcado pola fronteira, a circulación e a defensa do territorio.

Estas actividades contarán coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e de Valença, José Manuel Carpinteira. As persoas interesadas en participar nos roteiros poden inscribirse a través de rutasdehistoria.com.

Estas actividades forman parte de Fortalezas da Fronteira, proxecto arqueolóxico de escavación da batería de As Torres, en Tomiño, que busca investigar, divulgar e poñer en valor o patrimonio defensivo da raia. A programación combina traballo arqueolóxico, voluntariado, BARferencias, roteiros e propostas abertas á cidadanía para achegar a historia e a memoria do territorio a novos públicos.O proxecto está vinculado ao campo de voluntariado internacional que se desenvolve estes días en Tomiño, no que participan mozos e mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, doutros puntos de España, Italia e México. Durante as mañás, as persoas voluntarias colaboran nos traballos no xacemento de As Torres e participan en actividades formativas relacionadas coa arqueoloxía, mentres que polas tardes o campo está reservado a actividades de ocio e tempo libre.

Queres comentar?

-