Brais Currás: “A minería romana transformou a paisaxe do Baixo Miño con moitos destas minas ocultas ou desfeitas na actualidade”

O investigador do Instituto de Historia do CSIC participou este xoves na Social de Estás cunha charla sobre a transformación da paisaxe e das comunidades do val durante a época romana

O ciclo de BARferencias de Fortalezas da Fronteira continuou este pasado xoves na Social de Estás, na parroquia tomiñesa de Estás, cunha charla do arqueólogo e investigador Brais Currás, do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas. Baixo o título “A minería de ouro romana no Baixo Miño: xente, lugares e poboados”, Currás achegou ao público unha lectura arqueolóxica da profunda transformación que viviu o territorio coa chegada e consolidación do dominio romano.

Durante a súa intervención, o investigador explicou que a súa liña de traballo se centra no estudo da transición entre a Idade do Ferro e a época romana nas paisaxes do noroeste da Península Ibérica, cunha atención especial ao Baixo Miño, territorio ao que dedicou a súa tese doutoral.

Currás sinalou que o Baixo Miño foi un espazo profundamente transformado polo dominio de Roma xa desde a época republicana e, de maneira especialmente intensa, a partir do período de Augusto. Co inicio do Imperio, explicou, comezou unha explotación sistemática dos recursos auríferos que modificou tanto a paisaxe como a vida das comunidades que habitaban o val.

Segundo expuxo o investigador, o val do Miño e boa parte do noroeste peninsular estiveron marcados pola presenza de explotacións auríferas que abasteceron de ouro o Imperio romano. Este ouro, lembrou, foi fundamental para garantir o funcionamento do sistema monetario, da economía e, en consecuencia, do propio sistema imperial romano.

No caso do Baixo Miño, Currás destacou que a paisaxe mineira permanece hoxe en boa medida oculta polas transformacións acumuladas ao longo dos séculos. Ademais, denunciou as desfeitas causadas nestes xacementos pola construcción de estradas, polígonos industrias e, sobre todo, a plantación de eucaliptos. Con todo, subliñou que unha ollada arqueolóxica permite identificar un amplo complexo mineiro que produciu ouro e que tivo un impacto decisivo sobre a organización do territorio, os poboados e as formas de vida das persoas que habitaban esta zona.

O investigador do CSIC tamén aludiu a algúns dos asentamentos mineiros que xurdiron ao carón destas explotacións: “Eran castros mineiros, pero xa completamente romanizados”, apuntou. De feito, gran parte da poboación indíxena que traballou nestas minas romanas foi desprazada malia non estar escravizada. Hoxe en día, moitos destes asentamentos están destrozados por plantacións de eucaliptos.

A BARferencia permitiu achegar ao público unha visión do Baixo Miño como unha paisaxe histórica complexa, marcada pola explotación dos recursos naturais, pola integración no Imperio romano e pola transformación das comunidades locais. A sesión serviu tamén para conectar a investigación arqueolóxica co coñecemento do territorio e coa memoria material que aínda hoxe permanece na paisaxe.

As BARferencias forman parte da programación aberta de Fortalezas da Fronteira, proxecto arqueolóxico arredor do xacemento de As Torres, en San Miguel de Taborda, Tomiño. A iniciativa combina traballos de investigación, voluntariado, formación, roteiros e encontros divulgativos co obxectivo de achegar á cidadanía a arqueoloxía, a historia e a memoria da raia galego-portuguesa.

O ciclo continuará nos vindeiros días con novas actividades arredor da paisaxe fortificada, a educación patrimonial e a memoria dos territorios de fronteira.

Queres comentar?

-