A reitora da USC, a directora xeral de Xuventude e representantes da UMinho coñecen de primeira man as escavacións arqueolóxicas das Torres

A arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea guiou unha visita institucional ao xacemento, onde presentou os resultados da campaña de Fortalezas da Fronteira e os novos achados realizados este ano

O xacemento arqueolóxico das Torres, en San Miguel de Taborda (Tomiño), recibiu este mércores a visita dunha ampla representación institucional e académica para coñecer de primeira man os avances da campaña arqueolóxica que se desenvolve no marco do proxecto Fortalezas da Fronteira.

A visita estivo guiada pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, investigadora da Universidade do Minho e directora científica do proxecto, que explicou sobre o terreo os traballos realizados durante esta edición, os novos descubrimentos e a evolución das investigacións respecto á campaña do pasado ano.

Entre as persoas asistentes atopábanse Lara Meneses, directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia; Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela; Helena Carvalho, directora da Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho; João Sarmento, vicepresidente para a Investigación do Instituto de Ciências Sociais da Universidade do Minho; representantes da Comunidade de Montes de Taborda, do viñedo Santiago Ruiz, do albergue Corazón de Carballo e do equipo da empresa de ocio e tempo libre Marexada.

Durante a visita, Rebeca Blanco-Rotea explicou os resultados obtidos ata o momento na campaña deste ano, na que as sondaxes permitiron confirmar a existencia dun segundo recinto fortificado vinculado á Guerra da Restauração, identificar a súa entrada e avanzar na caracterización das distintas fases de ocupación do xacemento, que combina evidencias da Baixa Idade Media e da Idade Moderna.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destacou o éxito desta segunda edición do campo de voluntariado das Torres, integrado na campaña de verán da Xunta de Galicia. Segundo sinalou, os resultados arqueolóxicos volveron superar as expectativas do equipo investigador e puxo en valor a dimensión internacional da iniciativa.

“Os mozos e mozas chegaron este ano polas altas valoracións que obtivo o campo o pasado ano. Temos participantes de México, Colombia, Italia, ademais de Galicia, e estamos moi contentos de todo o traballo que realizaron estes días”, afirmou.

Meneses subliñou tamén a importancia de implicar á mocidade na protección do patrimonio. “É moi importante que a xuventude participe nestes proxectos arqueolóxicos, descubra o patrimonio que temos en Galicia e leve consigo esa experiencia cando regrese aos seus países ou lugares de orixe. Eles tamén deixan aquí o seu gran de area e converteranse en embaixadores da nosa terra”, destacou.

Pola súa banda, a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, puxo o foco na transferencia de coñecemento á sociedade e no papel da universidade na divulgación científica.

“Nas universidades xeramos coñecemento e temos a obriga de que ese coñecemento sexa un ben común. Por iso é importante comunicalo e achegalo á xente”, afirmou.

Crujeiras lembrou que a USC participa neste proxecto a través do grupo de investigación Novos Medios, encargado da comunicación da escavación e da difusión dos seus resultados.

“É moi importante que esteamos presentes en iniciativas como esta, que permiten achegar á cidadanía a súa historia e recuperar a memoria dun territorio”, sinalou.

Desde a Universidade do Minho, Helena Carvalho, directora da Unidade de Arqueoloxía, reiterou o compromiso da institución co proxecto e coa investigación na raia galego-portuguesa.

“A Unidade de Arqueoloxía integra esta escavación con moito gusto e imos seguir traballando neste percorrido e nesta fronteira”, afirmou.

Na mesma liña, João Sarmento, vicepresidente para a Investigación do Instituto de Ciências Sociais da Universidade do Minho, destacou o valor científico, educativo e social da iniciativa.

“Son proxectos moi importantes para a comunidade local, para a investigación e para a aprendizaxe. Aquí hai moita xente nova aprendendo arqueoloxía e coñecendo este territorio, polo que quero felicitar a toda a organización por esta iniciativa”, indicou.

A campaña arqueolóxica de Fortalezas da Fronteira desenvólvese no marco dun campo de voluntariado internacional da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, no que participan mozos e mozas de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, doutros puntos de España, Italia, México e Colombia. As persoas voluntarias colaboran nas tarefas de limpeza do complexo arqueolóxico e participan nas actividades de educación patrimonial, asistindo aos traballos de prospección e escavación desenvolvidos polo equipo de arqueoloxía.

O proxecto está impulsado pola Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e polo Departamento de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, contando tamén coa participación de alumnado en prácticas de ambas universidades. Fortalezas da Fronteira combina investigación arqueolóxica, formación, voluntariado, educación e divulgación para avanzar no coñecemento do patrimonio defensivo da raia galego-portuguesa e achegar á cidadanía a historia das Torres e do territorio no que se insire.

Queres comentar?

-