Gorka Martín: “Os detectoristas ilegais, co espolio dos xacementos, destrúen os contextos arqueolóxicos da investigación”
O investigador posdoutoral da Universidade do País Vasco inaugurou este luns o ciclo de BARferências de Fortalezas da Fronteira coa conferencia ‘Detectores e arqueoloxía: o que non se pode facer’
O ciclo de BARferencias de Fortalezas da Fronteira arrancou este luns no Novo Bar, en Carregal, cunha charla do investigador posdoutoral da Universidade do País Vasco Gorka Martín Echevarría, titulada Detectores e arqueoloxía: o que non se pode facer. A sesión serviu para achegar ao público unha cuestión central para a protección do patrimonio: os perigos do uso non autorizado e non sistemático dos detectores de metais en contextos arqueolóxicos.
Durante a súa intervención, Martín explicou que a súa liña de investigación se centra na arqueoloxía do conflito e dos campos de batalla, un ámbito no que o detector de metais pode empregarse como ferramenta científica cando se utiliza dentro dun procedemento controlado, sistemático e rexistrado. Porén, advertiu de que se trata tamén dunha ferramenta “polémica” debido ao mal uso que historicamente se fixo dela.
O investigador sinalou que un dos maiores riscos para a arqueoloxía a nivel global é o espolio cometido mediante detectores de metais. Esta práctica consiste na extracción de obxectos metálicos de campos, xacementos ou espazos con potencial arqueolóxico sen control científico, o que provoca non só a perda das pezas, senón tamén da información que as acompaña.
Neste sentido, Martín incidiu en que o valor arqueolóxico dun obxecto non reside unicamente na peza en si, senón no seu contexto. Así, explicou que unha moeda romana recollida de maneira illada ou aleatoria perde boa parte da súa capacidade para achegar coñecemento histórico, mentres que a información realmente útil procede do conxunto de elementos que a rodean: estruturas, materiais non metálicos, distribución espacial e relacións co resto do xacemento.
Por iso, o uso de detectores de metais sen metodoloxía arqueolóxica, sen rexistro e sen recollida sistemática de datos resulta especialmente prexudicial para a investigación. Segundo expuxo, estas prácticas rompen a lectura dos xacementos e dificultan a reconstrución rigorosa do pasado.
Martín tamén chamou a atención sobre a dimensión social e ética deste problema, ao lembrar que o patrimonio arqueolóxico é un ben común. A retirada de materiais sen autorización supón, segundo explicou, unha privatización dun patrimonio que pertence ao conxunto da sociedade.
A conferencia abriu o programa de BARferencias de Fortalezas da Fronteira, unha iniciativa que busca levar a arqueoloxía, a historia e a memoria da raia a espazos próximos e cotiáns, favorecendo o diálogo entre especialistas, veciñanza e público interesado. Tamén analizou durante a charla as batallas de Little Bighorn, na que arqueólogos como Douglas Scott utilizaron detectores y mapeo GPS para descubrir máis de 5.000 artefactos. O ciclo continuará nos vindeiros días con novas sesións arredor da minería romana no Baixo Miño, a paisaxe fortificada de Tui e do val do Miño, a educación patrimonial e a memoria dos territorios de fronteira. Estas actividades forman parte da programación aberta do proxecto arqueolóxico arredor de As Torres, en San Miguel de Taborda, Tomiño, inserido nun campo de voluntariado internacional da Xunta de Galicia.
Queres comentar?