Queres asistir á escavación da fortaleza de As Torres?
Queres ser o protagonista dunha época épica da historia de Galicia?. Queres formar parte do equipo de escavación e de investigación dun dos periodos históricos máis interesantes da relación entre Galicia e Portugal?. Se es maior de idade e tes menos de 30 anos, es aventureiro ou aventureira, gústache a natureza, a diversidade cultural, a comunicación e as redes sociais, a memoria oral, a historia e, sobre todo, queres coñecer xente nova, interesante e divertida, viaxar por Galicia e Portugal e navegar polo Miño, esta é a túa oportunidade. O I Campo de Voluntariado de Tomiño ábreche as súas portas.
Para participar só tes que cubrir este formulario e escoller a última opción, 390009, Na procura das fortalezas do Baixo Miño. Apura, son 15 prazas e voan. Pero para entender do que estamos falando, comecemos polo principio. “Na guerra, a traxedia é unha rutina, e o corazón do soldado endurecese tanto pola mala fortuna doutros como pola súa propia”. O capitán Alatriste, icona dunha época de decadencia para o Imperio español, exemplifica perfectamente o que foi o século XVII, unha centuria marcada polas guerras, as guerras e máis guerras que desangraron a toda Europa.
Esa paisaxe bélica tamén está en Galicia. Son fortes, fortalezas, castelos, torres, torreóns e fortíns. A fronteira galego portuguesa está sementada dunha chea de complexos defensivos, moitos deles soterrados, que amosan a importancia que esta fronteira tivo nesa decadencia do Imperio español. E é que, nunha e outra beira do Miño, e da raia seca, se libraron feroces batallas durante case 30 anos. Foi a coñecida Guerra de Restauración ou Guerra da Restauração que comezou en 1640 e rematou en 1668.
Cando galegos e portugueses deixaron de ser irmáns
Foron anos nos que galegos e portugueses, ata entón irmáns, pasaron a ser férreos inimigos. E, contra o inimigo, dunha ou doutra beira da fronteira, non había piedade. En 28 anos de enfrontamento construíronse case un cento de complexos defensivos ao longo da fronteira galego-portuguesa, a maior parte deles, ao carón do Miño.
É unha guerra aínda descoñecida que deixou milleiros de mortos e comarcas enteiras devastadas. Unha guerra moi semellante á que hoxe en día destrúe boa parte de Ucraína entre xentes que hai uns anos eran irmáns, amigos, pais e fillos e deixa cidades e campos devastados, cheos de trincheiras, fortíns e cadávares.
Participa dunha experiencia única
Unha vez situado neste escenario agora só queda que poidas participar e vivir del. Ese é o obxectivo do I Campo de Voluntariado de Tomiño, no Baixo Miño, que pretende escavar un forte, ata agora oculto, para tentar coñecer como foi esa guerra de feroces batallas nas que os galegos chegaron a conquistar zonas en Portugal, e os portugueses, a dominar partes de Galicia.
Os e as participantes neste campo participarán na realización dunha serie de traballos arqueolóxicos encamiñados á caracterización do sitio de As Torres, en Tomiño. Durante a realización deste campo, que comeza o día 8 e remata o 16 de setembro, os e as participantes desenvolverán unha actividade educativa arqueolóxica, patrimonial e divulgativa nunha iniciativa impulsada pola comunidade de montes de Taborda, a Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho e o departamento de Novos Medios da Facultade de Xornalismo da USC. O proxecto conta co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e tamén esa impulsado polo portal Historia de Galicia e o proxecto Rutas de Historia.
E que terás que facer?
Entre os traballos a realizar; limpeza do sitio patrimonial, coñecer como se escavan restos arqueolóxicos, levar a cabo tarefas de catalogación e documentación arqueolóxica e realizar actividades de recollida de memoria oral e talleres de comunicación, redes sociais e podcasting. Ademais, os e as participantes poderán realizar visitas a complexos fortificados de Galicia e Portugal, navegar polo río Miño para saber como era paisaxe fortificada do século XVII, realizar actividades deportivas e de natureza, coñecer a historia das anduriñas das barreiras, unha especie única, presente no lugar da escavación e, sobre todo, gozar con actividades lúdicas.
Este campo de voluntariado completarase con barferencias, un formato de conferencias informais en bares do Concello de Tomiño, no que distintos especialistas falarán sobre historia, etnografía e comunicación patrimonial. Ademais, as actividades terán lugar a comezos de setembro, en plena semana grande deste concello do Baixo Miño que celebra durante catro días as súas festas grandes en honor á Virxe do Alivio.
Toda a información aquí e para apuntarse, escoller a última opción, 390009, Na procura das fortalezas do Baixo Miño neste formulario.
Queres comentar?