O proxecto Fortalezas da Fronteira volve este xullo ao Baixo Miño con escavacións arqueolóxicas, BARferencias e roteiros polas fortificacións militares do século XVII

O proxecto Fortalezas da Fronteira volve novamente ao xacemento de As Torres, en Taborda, Tomiño, cunha intensa campaña de actividades arqueolóxicas, culturais, patrimoniais e educativas. A iniciativa, impulsada polas universidades de Santiago e do Minho (Portugal) e a Comunidade de Montes de Taborda, vai asociada cunha nova campaña do campo de voluntariado “As Torres”, impulsado no marco da Campaña de Verán da Xunta de Galicia, e combina investigación arqueolóxica, divulgación patrimonial, participación social e actividades no territorio.

Como aconteceu o pasado ano, Fortalezas da Fronteira realizará numersoas BARferencias e visitas guiadas, unha programación aberta á cidadanía que se desenvolverá entre o 6 e o 18 de xullo e que ten como eixo común as fortificacións galego-portuguesas da guerra do século XVII entre Galicia e Portugal. O programa permitirá achegar á veciñanza e ás persoas visitantes a historia da paisaxe fortificada da fronteira galego-portuguesa, así como os avances acadados nos traballos arqueolóxicos.

A nova campaña arqueolóxica

Segundo explica a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, os traballos realizados en 2025 permitiron confirmar a presenza dunha troneira vinculada á Idade Moderna, construída sobre o que podería ser unha torre medieval xa que se atoparon numerosos restos datables entre os séculos XIII e XV. Estes achados apuntan a unha ocupación anterior do espazo e á súa reutilización como zona de control e defensa. Ademais, todo o conxunto se atopa asentado nun gran complexo mineiro romano.

Nesta nova campaña, o equipo ampliará a prospección arqueolóxica, realizará novas tarefas de limpeza e desenvolverá dúas sondaxes: unha na posible estrutura baixomedieval e outra no fortín da Idade Moderna. O obxectivo é comprender mellor a evolución de As Torres entre a Baixa Idade Media e a época moderna, nun enclave estratéxico para o control dos pasos do río Miño e do río da Pedra cara a Tui.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destaca que este campo de voluntariado é “un magnífico exemplo” do que representan estas iniciativas, ao permitir que a mocidade participe “de forma activa na conservación do noso patrimonio” mentres vive unha experiencia de convivencia e aprendizaxe. Meneses subliña tamén a colaboración coa Comunidade de Montes de Taborda para poñer en valor “un espazo de grande interese patrimonial e ambiental” e salienta o impacto positivo que o proxecto ten tanto para a mocidade como para o territorio.

Pola súa banda, o impulsor do proxecto, Xurxo Salgado, xornalista e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, destaca que Fortalezas da Fronteira é unha iniciativa “asentada na xente” que busca “achegar o patrimonio e a arqueoloxía á sociedade, incentivando o seu coñecemento e a súa protección”. Salgado lembra que o proxecto naceu das historias que lle contaba o seu avó e que ten como obxectivo “unir ás xentes dun e doutro lado da raia e poñer en valor o rico patrimonio da fronteira galego-portuguesa”.

Programación

A programación comezará o luns 6 de xullo, ás 20.30 horas, no Novo Bar de Carregal, coa BARferencia “Detectores e arqueoloxía: o que non se pode facer”, a cargo do arqueólogo Gorka Martín, da Universidade do País Vasco.

xoves 9 de xullo, ás 20.00 horas, na A Social de Estás, o arqueólogo Brais Currás, do CSIC, ofrecerá a conferencia “A minería de ouro romana no Baixo Miño: xente, lugares e poboados”.

venres 10 de xullo haberá unha visita guiada ao xacemento de As Torres ás 12.00 horas, con saída nas antigas barreiras de As Torres. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, no Al Dente, no mercado de San Antonio de TuiRebeca Blanco-Rotea impartirá a charla “Descubrindo a paisaxe fortificada da fronteira: unha mirada sobre Tui”, e Tiago Rodrigues abordará as “Fisionomias da Paisagem Fortificada: (des)mistificar e (des)montar o território no vale do rio Minho”.

sábado 11 de xullo, ás 10.00 horas, celebrarase un percorrido comentado pola fortificación de Goián, guiado por Xoán R. Carnero Fernández e Rebeca Blanco-Rotea, con saída desde o Espazo Fortaleza. A actividade require inscrición previa en rutasdehistoria.com.

domingo 12 de xullo terá lugar unha visita aos sistemas fortificados de Tui e Valença, tamén con inscrición en rutasdehistoria.com. A actividade comezará ás 10.00 horas no Palco Música Corredera de Tui e continuará ás 16.00 horas no Centro Interpretativo das Fortalezas de Valença.

martes 14 de xullo, ás 20.30 horas, o Espazo Fortaleza acollerá a mesa redonda “Educación patrimonial, memoria e ocio: como coidar do noso?”, coa participación de Santiago Veloso, da Asociación Cultural Ponte… nas Ondas!; Alfonso Lorenzo Vila, do Proxecto Educativo Turonio CEPL Pedro Caselles Beltrán; e Xaquin Cadilla Castro, da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, da Guarda.

xoves 16 de xullo, ás 10.00 horas, desenvolverase no Local da Comunidade de Montes de Pinzás a charla-roteiro “Humidal de Pinzás: paisaxe e biodiversidade no Monte da Groba”, guiada por Manuel Ángel Pombo “Peque”, da ANABAM. A actividade require inscrición previa en rutasdehistoria.com.

venres 17 de xullo celebrarase unha nova visita guiada ao xacemento de As Torres ás 12.00 horas. Pola tarde, ás 20.30 horas, no A Taberna-TebraRebeca Blanco-Rotea ofrecerá a charla “Terra de romanos, de guerreiros e de soldados: evolución de 2.000 anos de historia nas Torres”. A sesión rematará co espectáculo “Contos da fronteira”, a cargo de Avelino González, de Contacontos.

A programación pecharase o sábado 18 de xullo, ás 10.00 horas, co roteiro “Do século I ao século XXI. Como cambiou a paisaxe en 2.000 anos”, un percorrido guiado pola contorna do espazo arqueolóxico de As Torres con saída desde o río da Pedra. A actividade require inscrición en rutasdehistoria.com.

O proxecto

Fortalezas da Fronteira é un proxecto cultural, arqueolóxico e divulgativo centrado no xacemento de As Torres, en San Miguel de Taborda, no concello de Tomiño. A iniciativa combina investigación científica, voluntariado xuvenil, participación social e divulgación para poñer en valor a paisaxe fortificada da fronteira galego-portuguesa e contribuír á protección colectiva deste patrimonio.

Queres comentar?

-